Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


Mostrando entradas con la etiqueta poesía galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poesía galega. Mostrar todas las entradas

lunes, 10 de marzo de 2025

Lixeiro. Ismael Ramos. Edicións Xerais.

Lixeiro de Ismael Ramos. Edicións Xerais.

Cando en 2022 a Ismael Ramos lle concederon o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández por Lixeiro, o xurado dixo outorgar dito recoñecemento "por la potencia de su imaginación poética, capaz de emprender un canto generacional entonado desde un desencanto reconciliado que conjuga ironía y nostalgia". Esta idea, a de canto xeracional, podería condicionar o impacto da obra ou o público ao que vai dirixida, sen embargo, benvido o relato desta xeración, non só porque as persoas da mesma se recoñezan e se sintan concernidas polas narrativas comúns, senón tamén porque ás que non somos parte nos interese o que teñen que dicir. É máis, penso que é unha obriga co futuro que nos acheguemos ás xeracións novas sen ese paternalismo que nos sobrevén a partir dunha certa idade- e que debería ser un sinal de alerta da traizón coa nosa propia mocidade-, e a expresión artística sitúaos na posición de narrarse, co enorme potencial que isto ten. Ao ler Lixeiro, máis alá das circunstancias histórico-culturais que atravesan a un individuo dunha xeración concreta, a mocidade volve ser un territorio habitable, cuxa singular atmosfera se mantén intacta nestes poemas. É nese territorio onde nos coloca o poeta a través de textos que retratan situacións cotiás e que se suceden como pequenas secuencias descritivas, nas que o espacial e os personaxes adquiren, a través do fluír natural da linguaxe, a súa entidade. Acaso a amizade, o desacougo ante o futuro, a clase- tema este recorrente na escrita de Ismael- o paso do tempo, a identidade, o amor, non son cuestións que repican na nosa memoria e que nos continúan a interpelar na lectura? Como cando escoitas unha canción que levabas anos sen escoitar e regresan unha temperatura, unha luz, unha emoción esquecida batendo novamente no peito. Porque, a pesar da pulsión narrativa destes poemas (ou quizais non a pesar, senón por) o elemento poético está presente en cada un deles, como unha fenda que non chega a expulsarnos da secuencia, senón que nos da un espazo para tomar alento. É aí cando a lectora se fai preguntas sobre o proceso poético. Ata que punto está pautado, planificado? Ou, polo contrario, foi un encontro fortuíto (e afortunado)?. A maxia, en certo punto, está en non saber. Engadir, unicamente, que hai poemas que me gustaron moitísimo, e se quedarán aí como para engrosar un imaxinario que se vai nutrindo doutras voces. De cando en vez penso nos ollos tranquilos das vacas, e igual antes non os pensaba da mesma maneira.