![]() |
Lixeiro de Ismael Ramos. Edicións Xerais. |
Cando en 2022 a Ismael Ramos lle concederon o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández por Lixeiro, o xurado dixo outorgar dito recoñecemento "por la potencia de su imaginación poética, capaz de emprender un canto generacional entonado desde un desencanto reconciliado que conjuga ironía y nostalgia". Esta idea, a de canto xeracional, podería condicionar o impacto da obra ou o público ao que vai dirixida, sen embargo, benvido o relato desta xeración, non só porque as persoas da mesma se recoñezan e se sintan concernidas polas narrativas comúns, senón tamén porque ás que non somos parte nos interese o que teñen que dicir. É máis, penso que é unha obriga co futuro que nos acheguemos ás xeracións novas sen ese paternalismo que nos sobrevén a partir dunha certa idade- e que debería ser un sinal de alerta da traizón coa nosa propia mocidade-, e a expresión artística sitúaos na posición de narrarse, co enorme potencial que isto ten. Ao ler Lixeiro, máis alá das circunstancias histórico-culturais que atravesan a un individuo dunha xeración concreta, a mocidade volve ser un territorio habitable, cuxa singular atmosfera se mantén intacta nestes poemas. É nese territorio onde nos coloca o poeta a través de textos que retratan situacións cotiás e que se suceden como pequenas secuencias descritivas, nas que o espacial e os personaxes adquiren, a través do fluír natural da linguaxe, a súa entidade. Acaso a amizade, o desacougo ante o futuro, a clase- tema este recorrente na escrita de Ismael- o paso do tempo, a identidade, o amor, non son cuestións que repican na nosa memoria e que nos continúan a interpelar na lectura? Como cando escoitas unha canción que levabas anos sen escoitar e regresan unha temperatura, unha luz, unha emoción esquecida batendo novamente no peito. Porque, a pesar da pulsión narrativa destes poemas (ou quizais non a pesar, senón por) o elemento poético está presente en cada un deles, como unha fenda que non chega a expulsarnos da secuencia, senón que nos da un espazo para tomar alento. É aí cando a lectora se fai preguntas sobre o proceso poético. Ata que punto está pautado, planificado? Ou, polo contrario, foi un encontro fortuíto (e afortunado)?. A maxia, en certo punto, está en non saber.
Engadir, unicamente, que hai poemas que me gustaron moitísimo, e se quedarán aí como para engrosar un imaxinario que se vai nutrindo doutras voces. De cando en vez penso nos ollos tranquilos das vacas, e igual antes non os pensaba da mesma maneira.