Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


Mostrando entradas con la etiqueta poetas galegos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poetas galegos. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de junio de 2024

LUMES de Ismael Ramos

 








A cita de Annie Ernaux que antecede os poemas é reveladora do xogo que nos propón Ismael Ramos no seu poemario en prosa LUMES, publicado no 2017 por Apiario. Ese "escribir como se non fose a estar cando publicasen o escrito" formalízase nos primeiros textos que se deslizan baixo o suxestivo título de NACERACHE UNHA AVELAÍÑA NA CABEZA.

 

Son estes poemas totalmente diferentes ao que virá despois e acontecen nunha segunda persoa que axuda a situar a voz poética nese momento desexado por Ernaux,  quen, ademais, nos advirte da ilusión que supón " crer que a chegada da verdade depende da morte". A palabra, e máis a palabra poética, abre fendas nesa verdade e adminístraa. O que acontece aí xa non é a verdade. O poeta é consciente e danos pistas.

 

Como xa comentei, logo destes primeiros poemas hai unha ruptura. Agora a voz poética, xa en primeira persoa, desenvólvese a través dos outros, aos que nos convida a observar. Porque coido que, neste caso, o poeta é, ante todo, un gran observador, tal e como nos indica no poema A ESCURIDADE, "quero contemplar a dor de todos eles ao mesmo tempo". Cando previamente nos di "sento á mesa dos nenos" parece gardarnos un sitio nese lugar privilexiado no que observar é, aínda, inocente.

 

Porque a través destes poemas en prosa, habitados polos distintos membros dunha familia, desprégase o cotiá, os ritos e as costumes que vertebran o vínculo. Máis alá dos parentescos están os xestos, as mans que dan de comer. A ferida que se desencadea dun corpo a outro.

 

Hai mortes e hai casorios. O balbordo continuo da vida. Hai auga, vellez, pobo. Referencias mitolóxicas e bíblicas que nos axudan a recoñecer. Sentimos ao ler que todas as familias se parecen na súa singularidade.

 

Neste acontecer narrativo-descriptivo, por momentos imponse o poético de maneira fermosísima. Aí é cando o poeta nos ofrece o regalo, a palabra que nomea, como por vez primeira, o lume aceso en cada individuo. O misterio. O amor aos seus exposto. A tenrura.